Nuncy Valcarcel é luci
Ao seu redor xira a serie toda. Luci (diminutivo de Lucinda, e non de Lucía, como a ela lle gustaría e a xente tende a pensar) ten 37 anos. Traballa nunha das brigadas que se ocupa do mantemento de parques e xardíns, polo que adoitamos vela a lombos dalgún estraño vehículo, ou armada con ferramentas que montan barullo. Luci estudou xardinería.

Aínda que lle gustaría ter máis capacidade de decisión sobre os xardíns dos que se ocupa, Luci está contenta co seu traballo. En xeral, non ten maiores aspiracións ca aforrarse desgustos e criar o fillo.

É unha muller con máis habilidades sociais das que ela se cre. Fáltalle un chisco de iniciativa; se non fose así, seguro que había intentar dar o salto e dedicarse ao que máis lle gusta no mundo: cantar. Luci canta cando está contenta e cando está triste, cando está soa ou con xente, cando traballa e cando descansa. A non ser que estea nun karaoke co micro na man, Luci tende a calar máis ca a intervir, porque xa outros se ocupan. Así, é habitual que, cando por fin se decide a dar un paso, o faga con máis impulso do que sería preciso, o que adoita desconcertar aos que a rodean. Ou sexa, é habitual que se trabuque por defecto ou por exceso. E iso abona a súa inseguridade.


Coñecéndoa de preto, Luci é definitivamente simpática. Os que a rodean teñen un bo concepto dela, pero non tanto como merece.

Eva Fernández é sole (38)
É a irmá de Luci. Vive en Ponferrada. Está moi unida a Luci, de maneira que salvan a distancia xeográfica con diarias conversas telefónicas. Sole é a maior, e como tal exerce unha certa autoridade sobre Luci. Sempre tivo máis remango e chegou a case todo antes cá irmá: ao mercado laboral, á vida fóra da casa familiar, ao matrimonio, á separación… Tamén asalariada, tamén separada, Sole comparte moitos dos problemas aos que Luci se enfronta.

Dario Loureiro é hadrián (14)
É o fillo de Luci e Berto. Se Hadrián está a gusto, pasa desapercibido, porque vai ao seu. Só interactúa cando precisa algo. As súas necesidades adoitan estar relacionadas con larpeiradas e xoguetes. Luci derrétese cando o que o rapaz require é un mimo de nai. Cousa que cada vez pasa menos.

Victor Mosqueira é cosme (50)
O compañeiro de curro. É un chisco bruto, pero cunha mentalidade bastante infantil. Nunca antes traballara en nada e entrou na brigada por enchufe. Cosme parece ignoralo todo acerca do sentido da responsabilidade e o orgullo polo traballo ben feito.

Santi Prego é berto (40)
No primeiro episodio da serie sepárase de Luci, coa que casara dez anos atrás. Berto é profesor de Plástica nun instituto. É bo rapaz, pero un chisco arrogante e feble de carácter. Intenta non manifestalo, pero agóbialle desaproveitar a vida, o que o conduce a decisións tan drásticas coma equivocadas, propias da crise dos corenta. Séntese algo culpable con Luci. Nun dos seus frecuentes e inxustificados ataques de hipocondría, convencido de que lle quedan poucos meses de vida, intentará, o pobre, volver con ela.

Deborah Vukusic é mon (30)
É a noiva de Berto. Ambos traballan no mesmo instituto, onde Mon dá clases de literatura. É culta, sensible, aberta. Gústalle o ioga, as filosofías orientais e o sushi. Cousas que para Luci, non son máis que pedanterías.

María Costas é soledad (58)
É a nai de Luci e Sole. Non aproba as decisión de Luci. Pensa que a súa filla non se saca todo o partido que debería e que non sabe disfrutar da vida. Soledad é divertida, impulsiva, apaixonada. Vive a vida ó máximo. Ten un punto egocéntrico e tremendista. Se Luci lle fixera caso… outro galo cantaría.

Ricardo de Barreiro é miguel (35)
Leva pouco tempo como xefe da brigada na que traballa Luci. É un trepa que non sabe xestionar un equipo. Todo o que sabe aprendeuno nun par de cursos de liderazgo. Isto tradúcese nun trato aos seus subalternos que querería ser autoritario, pero non dá. En canto Luci lle replica (cousa que só fai en caso necesario), Miguel achanta.

Morris é arcadio (55)
É o veciño de Luci. Formal, ríxido e autoritario, non pasa nin unha. Adoita ter enfrontamentos con Luci, a quen considera un desastre. Sobretodo polo costume que ten de deixar notitas no portal arremetendo en contra dos veciños ou da limpadora.

Camila Bossa é laura (37)
É a monitora do ximnasio de Luci. Está obsesionada con estar en forma e coa saúde. Disfruta inculcando ós demais o seu estilo de vida e pensa que, si todos lle fixesen caso, gañarían anos de vida. Cando Luci se apunta ó ximnasio, Laura a ve coma un reto: non parará ata conseguir que adelgace e que lle colla o gusto ó deporte. Algo que non será para nada doado.